Monday 13 de May de 2024

A rapazada do Consello Local da Infancia e a Adolescencia de Moeche inicia a campaña #DivírtomeNaCasa


 

O Consello Local da Infancia e a Adolescencia de Moeche non parou de traballar durante os últimos dous meses. O confinamento afectoulle á rapazada tanto ou máis que ás persoas adultas: sen escola, sen poderen saír brincar, sen contacto directo con amizades e familiares. Unha situación complicada que a cativería de Moeche enfrontou con afouteza e, no caso do CLIA, aproveitando o tempo para seguir preparando propostas e lanzando mensaxes de responsabilidade, válidas tanto para a xente miúda como para o resto da veciñanza. Neste sentido, e coa axuda da cooperativa Arabías, os cativos e cativas pensaron en facer un vídeo colectivo -publicado hai 15 días- sobre a prevención, a educación en saúde e o autocoidado arredor da COVID-19. O traballo recórdanos que é o coronavirus e tamén que medidas debemos adoptar para evitar os contaxios, algo sumamente importante agora que hai máis liberdade de movementos. Ademais, tamén iniciaron a campaña #DivírtomeNaCasa, para compartir nas redes sociais de que maneira se están entretendo na casa durante este tempo de clausura sanitaria.

Estas iniciativas forman parte do labor de dinamización e de apoio municipal ao Consello Local da Infancia e a Adolescencia, principal órgano de participación dos e das menores en todas aquelas cuestións que lles afectan como colectivo. O CLIA traballa todo o ano recollendo o sentir e as propostas da infancia e a xuventude menor de 17 anos para logo sistematizalas, achegar ideas novas e trasladarllas ás administracións competentes na materia, principalmente o Concello. A voz do CLIA ten o mesmo valor que a dun concelleiro ou concelleira, a pesar de que se trata dun órgano consultivo.

Ningún tema lles é alleo, xa que poden expresarse sobre calquera cousa referida ás necesidades da xente da súa xeración ou propoñer calquera outra que vexan necesaria para o territorio. A súa principal ferramenta de traballo é o diálogo constante entre si e co Concello. Unha relación que non se interrompeu durante os dous últimos meses, mantendo xuntanzas virtuais a través da plataforma Zoom, intercambiando correos e facendo chamadas grupais polo Whatsapp.

Hai dúas semanas publicaron un vídeo explicativo sobre a COVID-19 no que abordan -e bordan- a información sobre o virus e a enfermidade que causa, con mención detallada das medidas de obrigado cumprimento que seguen activas para evitar o seu avance: manter a distancia de seguridade, non saír da casa se se teñen síntomas, tusir ou esbirrar contra panos desbotables, non tocar os ollos, a boca ou o nariz, etc. A peza leva de banda sonora o “Tempestades de sal” da cantautora Sés e montouse coas achegas de Ainhoa, Anxo, Érika, Zeltia, Sandra, Marta, Leti, Carlos, Antón, Émily, Adrián, Elías e Carme, quen mandan mensaxes de responsabilidade e, sobre todo, de esperanza e ánimo para toda a xente de Moeche.

Agora soben un segundo vídeo e inician unha campaña en redes sociais -Facebook e Instagram-, coa que queren compartir de que maneira se entretiveron e aínda se entreteñen na casa durante o Estado de Alarma. Ler, andar na bici, xogar á “Play”, pintar, cociñar, facer doces… son algunhas das cousas que se mostran na montaxe. “Coidámonos divertíndonos e aproveitando estes momentos para facer o que nos gusta”, empeza dicindo o vídeo mentres que, ao remate, se convida a toda a veciñanza de Moeche -principalmente a rapazada- a que comparta os seus propios vídeos co pechacancelas #DivírtomeNaCasa.